Monday 20 de May de 2024

Viticultura, porcino e biomasa no sector agroalimentario centraron as xornadas de hoxe na 39ª Abanca Semana Verde de Galicia


CERCA DE VINTE PROFESIONAIS RELACIONADOS CON ESTES ÁMBITOS IMPARTIRON RELATORIOS NO SEU MARCO

Viticultura, porcino e biomasa no sector agroalimentario centraron as xornadas celebradas hoxe no marco da 39ª Abanca Semana Verde de Galicia, a cal ten lugar ata o domingo no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Baixo o título “A enxeñería técnica agrícola e a viticultura moderna en Galicia: do turbio ao viños con Denominacións Xeográficas de Calidade”, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e Peritos de Galicia abordaron temas como os aspectos históricos das prácticas erróneas de elaboración do viño, as denominacións de calidade e a súa influencia na Ribeira Sacra, a visión do enólogo, a evolución da viticultura en Galicia e as perspectivas dende a D.O Rías Baixas e tamén o “branco lexítimo”.

A Conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, participou na inauguración da xornada, na cal subliñou tanto a súa celebración no marco da feira como a importante labor dos profesionais do ámbito da viticultura. Así mesmo, destacou as “alegrías económicas” que da a Galicia o sector vitivinícola.

Ángeles Vázquez interveu tamén no XX Monográfico de Gando Porcino, organizado pola Asociación de Defensa Sanitaria (ADS) de Silleda. No seu marco abordáronse as granxas do presente e o futuro e como mellorar as producións co uso das novas tecnoloxías, ademais dos cambios na produción porcina e a sanidade na última década.

Por outra banda, o certame acolleu tamén esta mañá unha mesa de traballo centrada nas posibilidades da biomasa con fins térmicos no sector agroalimentario, organizada polo Instituto Enerxético de Galicia (INEGA). Foi inaugura por Ángel Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, quen deu a coñecer os obxectivos da estratexia galega da Biomasa 2014-2020, e incluíu relatorios sobre cando é rendible empregar biomasa neste tipo de industrias, as garantías de suministro e estabilidade dos prezos dos pellets e estrelas, como se poden financiar inversións en biomasa e casos de éxito deste emprego da biomasa no sector agroalimentario. Pechouse coa intervención de Emérito Freire, director de Enerxía e Planificación Enerxética do INEGA, quen resumiu as conclusión desta mesa de traballo.

Nestas tres xornadas interviñeron como relatores cerca de vinte profesionais relacionados cos distintos ámbitos abordados.